Publicación conmemorativa do centenario de Camilo José Cela

Catálogo_Centenario

Onte presentouse na Cidade de Cultura de Galicia, baixo o título “Camilo José Cela (1916-2016). O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade”, unha compilación de artigos de distintos autores coa que pretendemos ofrecer unha visión global do autor de Iria Flavia tanto no que se refire á súa traxectoria literaria como persoal.

No acto de presentación do libro, o conselleiro de Cultura e Educación e Presidente do Padroado, Román Rodríguez, asegurou que se trata dunha “obra singular”, na que se reúnen diversos puntos de vista sobre aspectos esenciais da vida e obra de Cela que “ilumina o conxunto da súa existencia e o seu desempeño creativo”.

A publicación recolle a visión de especialistas e intelectuais coma Darío Villanueva, César Antonio Molina, Adolfo Sotelo ou Ernesto Sánchez Pombo. Así mesmo inclúe un apéndice relativo á exposición homónima que tivo lugar na Biblioteca Nacional de España e no Museo Centro Gaiás ao longo de 2016 con motivo do centenario do nacemento de Cela co fin de reforzar o coñecemento da súa figura, da súa obra e do seu legado.

A publicación contou co patrocinio e colaboración da Xunta de Galicia, de Acción Cultural Española, da Biblioteca Nacional de España, da Universidade Camilo José Cela e da Universidade de Barcelona. O libro, de carácter non venal, está a disposición dos interesados nos seguintes enlaces, nos que se pode descargar de xeito totalmente gratuíto:

Libraría da Xunta de Galicia:

https://libraria.xunta.gal/gl/camilo-jose-cela-1916-2016-el-centenario-de-un-nobel-un-libro-y-toda-la-soledad

 

Acción Cultural Española:

http://www.accioncultural.es/es/cjc_2016_centenario_nobel_ebook

Deixar un comentario