Biografía

Camilo José Cela Trulock naceu na localidade galega de Iria Flavia en Padrón, provincia de A Coruña, o 11 de maio de 1916. En 1942 arranca a súa carreira literaria coa publicación da súa primeira novela La familia de Pascual Duarte, á que seguiron trece novelas máis ata Madera de boj (1999). Salienta, tras La familia de Pascual Duarte, La colmena, editada en 1951 en Bos Aires polos seus problemas coa censura.

En 1989 concedéuselle o Premio Nobel de Literatura, “pola súa prosa rica e intensa, que, con refreada compaixón, configura unha visión provocadora do desamparo do ser humano”. Dous anos antes recibira o Premio Príncipe de Asturias das Letras, e seis anos despois concedéuselle o máximo galardón das Letras Españolas: o Premio Cervantes.

CJC cultivou tódolos xéneros literarios ata acadar un total de 120 títulos publicados en vida: 14 novelas, 8 novelas cortas, 5 libros de poesía, 17 libros de viaxes, 20 libros de artigos, 26 de contos, 3 de teatro, 1 romance de cego, 5 adaptacións, 2 de entrevistas, 13 de temática variada, 1 de lexicografía, 3 dicionarios e dous libros de memorias: La rosa (memorias da nenez) e Memorias, entendimientos y voluntades (memorias de xuventude). Tamén foi xornalista, ensaísta, editor de revistas literarias, conferenciante, pintor, actor e un longo etcétera.

En 1956 funda e dirixe dende Mallorca a revista de creación literaria Papeles de Son Armadans (revista fundamental para entender a literatura española de posguerra) e que mantivo activa ata 1979, chegándose a editar 276 números durante os seus 23 años de vida.

En 1957, apadriñado por Vicente Aleixandre, Gregorio Marañón e Joaquín Calvo-Sotelo, ingresou na Real Academia Española, institución na que ocupou a cadeira Q. O seu discurso de ingreso foi contestado polo propio Gregorio Marañón.

En 1977 S. M. o Rei Juan Carlos I nomeouno Senador nas primeiras Cortes Xerais da transición democrática, participando na redacción do texto da Constitución.

Recibiu 25 doutorados Honoris Causa por 16 países distintos de 4 continentes e viu coma a súa obra editábase e traducíase a máis de 40 idiomas. De feito, La familia de Pascual Duarte é considerada por algúns como a novela española máis editada e traducida despois de El Quijote.

Faleceu en Madrid o 17 de xaneiro de 2002 aos 85 anos. O seu legado consérvase na Fundación que leva o seu nome en Iria Flavia.

Advertisements