Exposición “CJC, coleccionista: Eu, máis que coleccionar, amontono”

carta-hidalguia_carlos-ii_siglo-xvii

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela presenta ao público a súa nova exposición: “Camilo José Cela, coleccionista”, que permanecerá aberta ata o vindeiro 14 de xaneiro de 2017 en Iria Flavia.

Si, máis que coleccionar, amontoo”, estas palabras de Camilo José Cela, publicadas fai un tempo, explican por si soas esta mostra. Durante toda a súa vida o escritor padronés foi coleccionando múltiples obxectos ata acadar un número inxente e heteroxéneo de pezas tan diversas coma curiosas.

Á colección dos seus manuscritos, epistolario, biblioteca, arquivo de prensa, arquivo fotográfico, arquivo audiovisual e pinacoteca hai que engadir varias coleccións menores, entre as que poden atoparse réplicas de placas de rúas, caixas de mistos, caixas de latón, billetes de lotería, moedas, billetes antigos, cromos, selos, bitolas, discos de vinilo e múltiples obxectos que polo raro resultan tremendamente curiosos. Tal é o caso dunha reliquia de San Hilario, dúas pezas dos raís da compañía ferroviaria do avó materno de Cela, John Trulock, ou un azulexo pertencente á casa do escritor Vicente Blasco Ibáñez.

billetes-antiguos

Definía Cela a súa manía de coleccionar do seguinte xeito: “O afán coleccionista, que, segundo os psiquiatras é unha doenza mental de carácter leve e non perigosa, é algo xa tan vello coma o mesmo mundo […] Colecciónase todo ata o máis insospeitado, e, ben mirado, a lista completa de todo o coleccionable tampouco sería unha mala colección”.

E son esas pezas insospeitadas o que se expón na sede de Iria Flavia. Con elas preténdese incidir nunha das facetas máis descoñecidas do escritor padronés: a dun impenitente coleccionista que gardaba todo o que caía nas súas mans, ata o punto de reunir unha amalgama de obxectos de diversa índole.

A exposición poderase visitar de martes a sábado, en horario de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 19.00 h.

A exposición “CJC. O Centenario dun Nobel” na Cidade da Cultura

exposicion-centenario-cdc_2

Fotografía: Manuel G. Vicente. Fundación Cidade da Cultura de Galicia

Dende este sábado, 19 de novembro, e ata o 19 de febreiro de 2017, a exposición “Camilo José Cela (1916-2016). O Centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade” chega de terras madrileñas para recalar na Cidade da Cultura no compostelán Monte Gaiás.

A mostra ofrece un percorrido pola vida do escritor galego a través de 600 pezas organizadas cronolóxicamente en 44 seccións. Manuscritos, primeiras edicións das súas novelas máis importantes, obxectos persoais, fragmentos de películas nas que participou como actor, recoñecementos e pezas artísticas axudarán a entender a complexidade dunha das figuras máis extraordinarias do século XX. Sen esquecer a presenza dos tres premios literarios máis salientables cos que foi galardoado Camilo José Cela: o Nobel, o Cervantes e o Princesa de Asturias.

exposicion-centenario-cdc_1

Fotografía: Manuel G. Vicente. Fundación Cidade da Cultura de Galicia

As múltiples facetas do hombre poliédrico que era Camilo José Cela poden rastrexarse de forma clara a través do percorrido expositivo: novelista, dramaturgo, poeta, viaxeiro, académico, editor, pintor, coleccionista, actor… Un personaxe complexo que tivo unha vida intensa nun momento da historia de España caracterizado polos continuos tropezos dos que saía airoso unhas veces, e un pouco trasquilado outras. E é que en España “O que resiste, gaña”.

A exposición, organizada pola Fundación Pública Galega Camilo José Cela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Acción Cultural Española, poderáse visitar de martes a domingo, en horario de 10 a 20 h.

A exposición “Compañías convenientes” viaxa a Santiago de Compostela

folleto_afundacionDende o 2 de novembro de 2016 e ata o 15 de xaneiro de 2017, na sede de Afundación en Santiago de Compostela, os visitantes poderán ve-la exposición “Compañías convenientes. Diálogos contemporáneos co home poliedro”, mostra que nos acompañou en Iria Flavia durante todo este verán e que se enmarca dentro dos actos do Centenario do nacemento de Camilo José Cela.

A exposición, comisariada por Paula Cabaleiro e coa asistencia de Íñigo Rodríguez, recolle os traballos de doce artistas contemporáneos que renden homenaxe ao escritor de Padrón a través da interacción das súas pezas con algunhas das obras pertencentes ao legado celiano conservado en Iria Flavia.

Tomando como base a definición de Camilo José Cela “Eu creo que o individuo non é xamais un plano, senon un poliedro”, estes artistas achegáronse á colección de Cela a través da fotografía, a pintura, a escultura, o debuxo, o gravado, a instalación e a vídeocreación para ofrecer unha nova ollada sobre o heteroxéneo universo do escritor padronés.

A exposición poderase visitar na sede Afundación, na compostelana Rúa do Vilar, en horario de luns a domingo, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 h.

Programación educativa para o curso 2016-2017

cjc_profesor

Presentámosvos a nova programación educativa que deseñamos para este curso que comeza: 2016-2017. Nela continuamos co achegamento da figura e da obra de Camilo José Cela á comunidade escolar, tanto aos alumnos como aos docentes, dende unha perspectiva lúdica e transversal.

Visitas dinamizadas, obradoiros, proxeccións, valixas didácticas…, toda unha amálgama de actividades para que os centros educativos teñan ao seu dispor toda a información precisa sobre un dos escritores máis destacados da Literatura española e galega da segunda metade do século XX.

Coma tódolos anos, as actividades incluídas na programación educativa son GRATUÍTAS e só cómpre reservar cita previa no teléfono 981-81.24.25 ou no enderezo electrónico visitas@fundacioncela.com.

Lembrámosvos que toda a información sobre esta programación educativa está ao voso dispor no noso blog educativo “Andanzas e desventuras de Camiliño Josesiño“.