Publicación conmemorativa do centenario de Camilo José Cela

Catálogo_Centenario

Onte presentouse na Cidade de Cultura de Galicia, baixo o título “Camilo José Cela (1916-2016). O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade”, unha compilación de artigos de distintos autores coa que pretendemos ofrecer unha visión global do autor de Iria Flavia tanto no que se refire á súa traxectoria literaria como persoal.

No acto de presentación do libro, o conselleiro de Cultura e Educación e Presidente do Padroado, Román Rodríguez, asegurou que se trata dunha “obra singular”, na que se reúnen diversos puntos de vista sobre aspectos esenciais da vida e obra de Cela que “ilumina o conxunto da súa existencia e o seu desempeño creativo”.

A publicación recolle a visión de especialistas e intelectuais coma Darío Villanueva, César Antonio Molina, Adolfo Sotelo ou Ernesto Sánchez Pombo. Así mesmo inclúe un apéndice relativo á exposición homónima que tivo lugar na Biblioteca Nacional de España e no Museo Centro Gaiás ao longo de 2016 con motivo do centenario do nacemento de Cela co fin de reforzar o coñecemento da súa figura, da súa obra e do seu legado.

A publicación contou co patrocinio e colaboración da Xunta de Galicia, de Acción Cultural Española, da Biblioteca Nacional de España, da Universidade Camilo José Cela e da Universidade de Barcelona. O libro, de carácter non venal, está a disposición dos interesados nos seguintes enlaces, nos que se pode descargar de xeito totalmente gratuíto:

Libraría da Xunta de Galicia:

https://libraria.xunta.gal/gl/camilo-jose-cela-1916-2016-el-centenario-de-un-nobel-un-libro-y-toda-la-soledad

 

Acción Cultural Española:

http://www.accioncultural.es/es/cjc_2016_centenario_nobel_ebook

Advertisements

Renovación do proxecto museográfico e reapertura do Museo Ferrocarrileiro en Iria Flavia

Prezados amigos,

Nos próximos meses procederemos a renovar o noso proxecto museográfico e reabriremos o Museo Ferrocarrileiro “John Trulock”. Con estes traballos o Museo Camilo José Cela permanecerá pechado pero se tendes visitas concertadas para os próximos meses, informarvos de que estas manteranse nas datas previstas.

Deixámosvos Nota de prensa enviada a medios con máis información ao respecto:

 

A Fundación Cela renovará o proxecto museográfico e reabrirá o Museo Ferrocarrileiro nas súas instalacións de Iria Flavia

Estes traballos de redefinición e mellora comezarán a vindeira semana e durarán ao redor de seis meses durante os cales o Museo Camilo José Cela estará pechado ao público
Santiago, 2 de xuño de 2017

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela reorganizará e renovará o proxecto museográfico e reabrirá o Museo ferrocarrileiro ‘John Trulock’ nas súas instalacións de Iria Flavia. En concreto, para recuperar a memoria da primeira liña ferroviaria galega acondicionaranse as dúas salas do Museo Camilo José Cela dedicadas a Viaje a la Alcarria. Estes traballos de redefinición e mellora durarán preto de seis meses durante os cales o Museo dedicado ao autor padronés estará pechado ao público.

Esta medida está vinculada co acordo asinado en maio de 2016 entre a Fundación e o fillo do Nobel, Camilo José Cela Conde, para a execución da sentenza por dereitos de lexítima do mesmo, polo que se lle entrega a Casa nº 8 –onde se sitúa o Museo Ferrocarrileiro ‘John Trulock’– e un total de vinte unha obras de arte.

Así a todo, por acordo das partes, a entrega do material referido no acordo adiábase por un prazo de dez anos, podendo Camilo José Cela Conde solicitar a súa recuperación en calquera momento. Durante este período os bens permanecerían na Fundación co propósito de que se puideran destinar ao cumprimento dos fins fundacionais.

Recentemente, o propio Cela Conde solicitou á Administración autonómica a entrega inmediata dos bens que por lei lle corresponden e desde a Xunta procedeuse a cumprir co acordado. Cómpre aclarar que estas obras de arte, se ben teñen un alto valor patrimonial, non afectan á integridade da colección nin a ningún dos aspectos claves do proxecto museístico no referente ao o legado intelectual, literario, cultural e humano de Camilo José Cela.

Novo convenio con Ferrocarriles Españoles
Na mesma liña, e para non perder unha instalación museística moi querida na comarca, a Fundación Pública Galega Camilo José Cela ven de negociar un novo Convenio coa Fundación de Ferrocarriles Españoles para a integración da meirande parte dos fondos ferroviarios que se atopan no Museo Ferrocarrilero “John Trulock” dentro do propio Museo Camilo José Cela que tamén xestiona á entidade.

Con esta medida a Fundación Pública cumpre, a súa vez, cunha reclamación histórica do Concello de Padrón e integrará dentro do Museo Camilo José Cela un espazo específico no que dar a coñecer a historia do ferrocarril en Galicia moi vinculada tanto á vila que veu nacer ao escritor coma á figura do avó de Camilo José Cela, John Trulock.

A entidade aproveitará esta oportunidade para remodelar e mellorar o percorrido museográfico de Iria Flavia –unha vez rematados os actos conmemorativos do Centenario do nacemento do premio Nobel– modernizando tanto o continente coma o contido do Museo, adaptándoo aos novos públicos, permitindo a visita libre e fomentando o uso das novas tecnoloxías, o que permitirá un novo achegamento á figura do escritor cen anos despois do seu nacemento. En concreto, estas actuacións permitirán renovar o sistema de seguridade das distintas salas e espazos expositivos e eliminar as humidades presentes en diversas salas.

Para a realización de todos estes traballos a entidade padronesa pechará ás súas portas a partires da semana que vén e prevé a apertura das súas novas instalacións de cara a finais deste ano 2017.

Exposición “CJC, coleccionista: Eu, máis que coleccionar, amontono”

carta-hidalguia_carlos-ii_siglo-xvii

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela presenta ao público a súa nova exposición: “Camilo José Cela, coleccionista”, que permanecerá aberta ata o vindeiro 14 de xaneiro de 2017 en Iria Flavia.

Si, máis que coleccionar, amontoo”, estas palabras de Camilo José Cela, publicadas fai un tempo, explican por si soas esta mostra. Durante toda a súa vida o escritor padronés foi coleccionando múltiples obxectos ata acadar un número inxente e heteroxéneo de pezas tan diversas coma curiosas.

Á colección dos seus manuscritos, epistolario, biblioteca, arquivo de prensa, arquivo fotográfico, arquivo audiovisual e pinacoteca hai que engadir varias coleccións menores, entre as que poden atoparse réplicas de placas de rúas, caixas de mistos, caixas de latón, billetes de lotería, moedas, billetes antigos, cromos, selos, bitolas, discos de vinilo e múltiples obxectos que polo raro resultan tremendamente curiosos. Tal é o caso dunha reliquia de San Hilario, dúas pezas dos raís da compañía ferroviaria do avó materno de Cela, John Trulock, ou un azulexo pertencente á casa do escritor Vicente Blasco Ibáñez.

billetes-antiguos

Definía Cela a súa manía de coleccionar do seguinte xeito: “O afán coleccionista, que, segundo os psiquiatras é unha doenza mental de carácter leve e non perigosa, é algo xa tan vello coma o mesmo mundo […] Colecciónase todo ata o máis insospeitado, e, ben mirado, a lista completa de todo o coleccionable tampouco sería unha mala colección”.

E son esas pezas insospeitadas o que se expón na sede de Iria Flavia. Con elas preténdese incidir nunha das facetas máis descoñecidas do escritor padronés: a dun impenitente coleccionista que gardaba todo o que caía nas súas mans, ata o punto de reunir unha amalgama de obxectos de diversa índole.

A exposición poderase visitar de martes a sábado, en horario de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 19.00 h.

A exposición “CJC. O Centenario dun Nobel” na Cidade da Cultura

exposicion-centenario-cdc_2

Fotografía: Manuel G. Vicente. Fundación Cidade da Cultura de Galicia

Dende este sábado, 19 de novembro, e ata o 19 de febreiro de 2017, a exposición “Camilo José Cela (1916-2016). O Centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade” chega de terras madrileñas para recalar na Cidade da Cultura no compostelán Monte Gaiás.

A mostra ofrece un percorrido pola vida do escritor galego a través de 600 pezas organizadas cronolóxicamente en 44 seccións. Manuscritos, primeiras edicións das súas novelas máis importantes, obxectos persoais, fragmentos de películas nas que participou como actor, recoñecementos e pezas artísticas axudarán a entender a complexidade dunha das figuras máis extraordinarias do século XX. Sen esquecer a presenza dos tres premios literarios máis salientables cos que foi galardoado Camilo José Cela: o Nobel, o Cervantes e o Princesa de Asturias.

exposicion-centenario-cdc_1

Fotografía: Manuel G. Vicente. Fundación Cidade da Cultura de Galicia

As múltiples facetas do hombre poliédrico que era Camilo José Cela poden rastrexarse de forma clara a través do percorrido expositivo: novelista, dramaturgo, poeta, viaxeiro, académico, editor, pintor, coleccionista, actor… Un personaxe complexo que tivo unha vida intensa nun momento da historia de España caracterizado polos continuos tropezos dos que saía airoso unhas veces, e un pouco trasquilado outras. E é que en España “O que resiste, gaña”.

A exposición, organizada pola Fundación Pública Galega Camilo José Cela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Acción Cultural Española, poderáse visitar de martes a domingo, en horario de 10 a 20 h.