Conmemoración dos 30 anos da concesión do Premio Nobel a Camilo José Cela

O 19 de outubro de 1989 a Academia Sueca emitiu o fallo do premio Nobel de Literatura: concedíaselle a un escritor español e galego, Camilo José Cela. O 10 de decembro dese ano o novelista padronés recolleu a distinción de mans da S.M o Rei de Suecia. Ambas efemérides constituirán o inicio e o final do programa conmemorativo no que a Fundación Cela abrirá as súas portas á literatura e á lembranza.

Este sábado, 19 de outubro, celebraráse na sede de Iria Flavia unha actividade gratuíta dirixida a tódolos públicos baixo o título Maxia e Ciencia na casa dun premio Nobel ¿de Literatura? no salón de actos do Museo, en horario de 10.00 a 12.00 h.

Doutra banda, lanzaráse en redes sociais a campaña #CelaEmáisEu coa que se pretende recuperar a memoria viva do escritor. Mediante a recopilación a través dos canles da Fundación en Facebook, Twitter, Youtube e no correo electrónico iriaflavia@fundacioncela.com, calquera que coñecera ao escritor en persoa poderá enviar á institución as súas fotos, vídeos, anécdotas ou lembranzas.

Encontro de escritores

No mes de novembro, entre o 18 e o 20, terá lugar a cita Máis de 20 anos despois. III Encontro de Escritores en Iria Flavia que, baixo a dirección de Care Santos, volverá reunir a unha trintena de escritores aos que Cela xuntou por primeira vez en 1998 e que, a día de hoxe, son grandes figuras do panorama literario español. Autores como a propia Care Santos, Juan Manuel de Prada, Lorenzo Silva, Ángela Vallvey, Óscar Esquivias, Blanca Riestra, entre outros, acudirán a Padrón a debater sobre a situación actual do sector editorial e dos seus novos retos e dificultades.

Ademáis, de novembro a febreiro terán lugar, un venres pola tarde de cada mes, e coa colaboración de Javier Pintor, as xornadas Tardes de Libros nos #30AnosNobelCela nas que se presentarán no paraninfo do Museo catro novedades editoriais en galego e en castelán coa participación de cada un dos seus autores.

Legado documental online

Tamén en novembro presentarase o portal específico da Fundación realizado en colaboración coa Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, que contén parte do Arquivo dixital da institución e que culmina un dos traballos de condensación e posta a disposición na rede dunha selección do inxente legado documental –doado gratuítamente polo escritor a tódolos galegos– comezado xa no ano do seu Centenario.

O 10 de decembro, ademáis do acto institucional en homenaxe ao escritor, presentarase en Iria Flavia a nova páxina web da Fundación, e o Acto homenaxe do pobo de Padrón en lembranza de cómo toda una vila acompañou ao único Nobel galego, co que se pretende rememorar, dun xeito emotivo, a aqueles padroneses que estiveron co escritor en Estocolmo e a cantos viviron ese momento de gran alegría desde a propia vila de Padrón.

A mediados de decembro, finalmente, celebrarase unha xornada, en colaboración coa Universidade Camilo José Cela, para conmemorar os 50 anos da publicación dunha das novelas que os expertos inclúen entre as máis importantes do escritor, San Camilo 1936. A xornada contará coa presenza de Adolfo Sotelo Vázquez, catedrático de Literatura Española da Universidade de Barcelona, e Dolores Troncoso Durán, Catedrática de Literatura Española da Universidade de Vigo.

Obradoiros educativos e rutas literarias

A Fundación manterá durante estes meses a súa programación educativa coas visitas dinamizadas, as rutas literarias, as valixas didácticas e os obradoiros educativos ao Museo Camilo José Cela, onde escolares e visitantes poderán apreciar a última doazón realizada á institución por unha das familias máis destacadas de Padrón (un retrato de Cela feito polo pintor Manuel Beiró). Do mesmo xeito, poderán gozar na sala específica do premio Nobel de múltiples anécdotas relacionadas con ese fito: a carta oficial da súa concesión, a resposta de Cela á Academia Sueca, parte da vaixela que se empregou na cea de gala ou a medalla e o diploma que reciben os galardoados.

Tamén mantense a entrada conxunta coa Fundación Rosalía de Castro pola que todos os visitantes que pasen primeiro pola casa da poeta poderán visitar despois o Museo do novelistade forma gratuíta.

Para finalizar, a Fundación participará cun préstamo de fondos na exposición Primores do múltiplo: Encadernación e coleccionismo na Biblioteca de Galicia, exposición que terá lugar na Biblioteca de Galicia de mediados de novembro de 2019 a xuño de 2020.

Inauguración da exposición “Proxecto Libertas”

proxecto libertas portada

Onte tivo lugar en Iria Flavia a inauguración da exposición “Proxecto Libertas”, unha mostra organizada polo Centro PEN Galicia e o Instituto de Mediación Educativa de Ribeira (IMER), e coa colaboración da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, do Concello de Padrón, do IES Macías o Namorado e da Consellería de Cultura y Turismo.

A exposición, que permanecerá aberta na Fundación ata o vindeiro 2 de marzo en horario de martes a sábados, de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 19.00 h., pretende reivindicar, a través da expresión artística, da obra e da palabra, que “os valores democráticos son un imperativo ético que se constrúe, e que a paz se conquista”, en palabras de Olegario Sampedro, presidente do IMER e autor das obras expostas.

Esta mostra irá acompañada de visitas guiadas polo propio Olegario Sampedro os días 1 y 15 de febreiro e 1 de marzo ás 17.00 h. Por outra parte, tamén conta cunha ampla proposta didáctica organizada polo Centro PEN de Galicia e o IMER, a cal abordará temáticas como a represión nas artes, o machismo e o fomento da diversidade. Esta proposta didáctica está dirixida a alumnos de ESO e Bacharelato e terá lugar tódolos venres de febreiro e o 1 de marzo polas mañás.

Para máis información sobre as visitas guiadas e/ou a proposta guiada, pode pinchar o seguinte enlace: Horarios e tarifas

Comezan os actos conmemorativos do 30 aniversario do Premio Nobel a CJC, #30AñosNobelCJC, coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro

entrada cjc-rosalía

Enmarcado nos actos conmemorativos do 30 aniversario da concesión do Premio Nobel ao escritor padronés (1989), a Fundación Pública Galega Camilo José Cela chegou a un acordo de colaboración coa tamén padronesa Fundación Rosalía de Castro mediante o cal todos os visitantes que acudan á Casa da Matanza durante este 2019 recibirán unha entrada gratuíta para coñecer o Museo do Premio Nobel galego.

Con esta colaboración estréitase a vinculación entre ambas institucións, non só referentes na comarca, senón tamén xestoras de Casas-Museo recoñecidas a nivel nacional e internacional.

Nota importante: Dentro desta entrada gratuíta non se inclúe o servizo de visitas guiadas, que deberá aboarse aparte cos prezos que se reflicten no apartado de “Visitas”.

APERTURA DA NOVA EXPOSICIÓN PERMANENTE DO MUSEO CAMILO JOSÉ CELA

Fachada-Casas Canónigos

O vindeiro 14 de febreiro, ás 11,00 h., terá lugar a inauguración da nova exposición permanente na que traballamos nos derradeiros meses.

A entrada ao acto será libre e gratuíta, se ben cómpre CONFIRMAR ASISTENCIA antes do 13 de febreiro, chamando aos teléfonos 981-54.44.05 ou 981-54.44.12, ou enviando un correo electrónico á dirección eventos.culturaeducacion@xunta.es.

Para aqueles que non nos acompañedes ese día,  informámosvos de que durante todo o mes de febreiro a entrada ao museo será gratuíta.

Agardámosvos a todos cos brazos abertos, para compartir connosco a ilusión dun novo museo.

Reapertura do Museo Camilo José Cela

Na primeira quincena de febreiro a Fundación Pública Galega Camilo José Cela reabrirá as súas portas ao público cun novo discurso museográfico.

O visitante iniciará un percorrido cronolóxico comezando co nacemento do escritor padronés o 11 de maio de 1916 para finalizar co pasamento de Camilo José Cela o 17 de xaneiro de 2002. A través das distintas salas irá coñecendo os fitos máis importantes na vida e na obra do Premio Nobel galego, así coma o inxente legado que doóu a Galicia e que se conserva na sede de Iria Flavia.

Ford T_2018Unha das grandes novidades é a incorporación do Museo Ferrocarrileiro John Trulock na propia Fundación: trátase dunha homenaxe ao avó de Cela e á primeira compañía ferroviaria de Galicia, a The West Galicia Railway Company, que facía o traxecto entre Cornes (Santiago de Compostela) e Carril (Pontevedra).

En breve comunicaremos a data da inauguración, que será aberta a tódolos públicos e completamente gratuíta.

Exposición “CJC, coleccionista: Eu, máis que coleccionar, amontono”

carta-hidalguia_carlos-ii_siglo-xvii

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela presenta ao público a súa nova exposición: “Camilo José Cela, coleccionista”, que permanecerá aberta ata o vindeiro 14 de xaneiro de 2017 en Iria Flavia.

Si, máis que coleccionar, amontoo”, estas palabras de Camilo José Cela, publicadas fai un tempo, explican por si soas esta mostra. Durante toda a súa vida o escritor padronés foi coleccionando múltiples obxectos ata acadar un número inxente e heteroxéneo de pezas tan diversas coma curiosas.

Á colección dos seus manuscritos, epistolario, biblioteca, arquivo de prensa, arquivo fotográfico, arquivo audiovisual e pinacoteca hai que engadir varias coleccións menores, entre as que poden atoparse réplicas de placas de rúas, caixas de mistos, caixas de latón, billetes de lotería, moedas, billetes antigos, cromos, selos, bitolas, discos de vinilo e múltiples obxectos que polo raro resultan tremendamente curiosos. Tal é o caso dunha reliquia de San Hilario, dúas pezas dos raís da compañía ferroviaria do avó materno de Cela, John Trulock, ou un azulexo pertencente á casa do escritor Vicente Blasco Ibáñez.

billetes-antiguos

Definía Cela a súa manía de coleccionar do seguinte xeito: “O afán coleccionista, que, segundo os psiquiatras é unha doenza mental de carácter leve e non perigosa, é algo xa tan vello coma o mesmo mundo […] Colecciónase todo ata o máis insospeitado, e, ben mirado, a lista completa de todo o coleccionable tampouco sería unha mala colección”.

E son esas pezas insospeitadas o que se expón na sede de Iria Flavia. Con elas preténdese incidir nunha das facetas máis descoñecidas do escritor padronés: a dun impenitente coleccionista que gardaba todo o que caía nas súas mans, ata o punto de reunir unha amalgama de obxectos de diversa índole.

A exposición poderase visitar de martes a sábado, en horario de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 19.00 h.

A exposición “CJC. O Centenario dun Nobel” na Cidade da Cultura

exposicion-centenario-cdc_2

Fotografía: Manuel G. Vicente. Fundación Cidade da Cultura de Galicia

Dende este sábado, 19 de novembro, e ata o 19 de febreiro de 2017, a exposición “Camilo José Cela (1916-2016). O Centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade” chega de terras madrileñas para recalar na Cidade da Cultura no compostelán Monte Gaiás.

A mostra ofrece un percorrido pola vida do escritor galego a través de 600 pezas organizadas cronolóxicamente en 44 seccións. Manuscritos, primeiras edicións das súas novelas máis importantes, obxectos persoais, fragmentos de películas nas que participou como actor, recoñecementos e pezas artísticas axudarán a entender a complexidade dunha das figuras máis extraordinarias do século XX. Sen esquecer a presenza dos tres premios literarios máis salientables cos que foi galardoado Camilo José Cela: o Nobel, o Cervantes e o Princesa de Asturias.

exposicion-centenario-cdc_1

Fotografía: Manuel G. Vicente. Fundación Cidade da Cultura de Galicia

As múltiples facetas do hombre poliédrico que era Camilo José Cela poden rastrexarse de forma clara a través do percorrido expositivo: novelista, dramaturgo, poeta, viaxeiro, académico, editor, pintor, coleccionista, actor… Un personaxe complexo que tivo unha vida intensa nun momento da historia de España caracterizado polos continuos tropezos dos que saía airoso unhas veces, e un pouco trasquilado outras. E é que en España “O que resiste, gaña”.

A exposición, organizada pola Fundación Pública Galega Camilo José Cela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Acción Cultural Española, poderáse visitar de martes a domingo, en horario de 10 a 20 h.