A sé

Fundacion_fachada

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela ten a súa sé nas Casas dos Cóengos, (construídas no s. XVIII), que, xunto coa Colexiata de Santa María de Adina, forman parte do conxunto histórico-artístico de Iria Flavia, declarado Ben de Interese Cultural en 1975.

Iria (Flavia), cidade romana á que o emperador Flavio Vespasiano outorgou no ano 74 o Ius Latii  ou dereito da cidadanía latina (de aí a denominación de Flavia), foi sé episcopal na Idade Media, ata que Alfonso II trasladou o bispado a Compostela, con motivo do achado do sepulcro do Apóstolo Santiago.

Nas Casas dos Cóengos, construídas en 1790 para residencia dos eclesiásticos que atendían os servizos relixiosos da Colexiata de Santa María de Adina ata a súa supresión e conversión en parroquia en 1851, radícase o Museo dedicado á figura de Camilo José Cela. Alí consérvanse múltiples referencias á súa vida e á súa obra plasmadas en amplas e variadas coleccións: biblioteca, hemeroteca, epistolario, manuscritos, pinacoteca, etc., así como diversos legados persoais que compoñen un conxunto artístico-documental de grande valor para o estudo e coñecemento do devir cultural español da segunda metade do século XX.

En 1991 as SS.MM. Os Reis de España inauguraron a primeira das casas como Casa-Museo do escritor. Co paso dos anos e baixo a tutela do premio Nobel -quen foi deixando a súa pegada persoal en cada moble e en cada elemento museográfico-, a institución foi ampliando pouco a pouco a súa sé, sendo inaugurada a última das Casas no ano 2001, tan só uns meses antes do pasamento do escritor.

Tras estes 10 anos de consolidación do proxecto fundacional, a actual sé abrangue cinco das oito casas do complexo das Casas dos Cóengos, cun total de 11.000 m2 (3.000 de superficie construída e 8.000 de xardíns).

Advertisements