EXPOSICIÓN “A COLMEA. HISTORIA DUNHAS PÁXINAS ZARANDEADAS”

Hoxe abrimos ao público unha nova exposición: ‘A colmea. Historia dunhas páxinas zarandeadas’, co gallo do 70 aniversario da súa primeira redacción.

Nesta mostra, que está organizada en colaboración coa Biblioteca Nacional de España e que se poderá visitar ata o 31 de decembro, aprécianse as distintas vicisitudes polas que pasou a novela dende a primeira versión de 1945 ata a súa redacción definitiva publicada en 1951 pola editorial Emecé de Bos Aires.

Xunto co manuscrito orixinal expóñense distintas páxinas da copia dixital do manuscrito do ano 1946, con anotacións da censura da época, edicións significativas, epistolario e un conxunto de ensaios e teses que analizan a aclamada novela, partindo da mesa de café sobre a que o autor redactaría a última versión desta obra mestra en 1948.

A estes materiais únese unha serie de achegas que completan o relato expositivo, como documentación sobre a recepción da novela na prensa, material relacionado coa expulsión de Cela da Asociación da Prensa de Madrid ou a magnífica adaptación cinematográfica realizada por Mario Camus en 1982.

Se es profesor e queres visitar esta exposición cos teus alumnos consulta a nosa programación educativa e visitas dinamizadas aquí http://camilinojosesino.blogspot.com.es/p/programacion-escolar.html (precisan reserva previa).

Mesa_La colmena