A exposición “Proxecto Libertas” volve a amplíar a súa estadía no Museo Camilo José Cela ata o 18 de maio

PROXECTO LIBERTAS

Dado o éxito de público e crítica que segue acadando esta exposición entre todo aquel que a visita, a Fundación Pública Camilo José Cela prolonga de novo e ata o mes de maio a mostra “Proxecto Libertas” de Olegario Sampedro.

Esta exposición, promovida pola Fundación Pública Camilo José Cela en colaboración co Centro PEN Galicia, o Instituto de Mediación Educativa de Ribeira-IMER (centro que recentemente foi galardoado co Premio pola Paz, concedido pola Deputación de A Coruña), o Concello de Padrón e o IES Macías o Namorado, pretende reivindicar os valores democráticos a través da expresión artística.

Neste sentido, Olegario Sampedro, Presidente do IMER e autor das pezas, apunta que estes valores “son un imperativo ético que se constrúe”, e “que a paz se conquista”, lembrando que nos tempos de hoxe se debe traballar no recoñecemento da liberdade de opinión e expresión recollido no Artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

As  pezas de Olegario Sampedro, en homenaxe a escritores e xornalistas como Susana Chaves, Federico García Lorca, Orhan Pamuk, Xosé Luis Méndez Ferrín, Mae Azango ou Liu Xiaobo, atópanse integradas no percorrido do Museo dedicado ao premio Nobel padronés. Poden visitarse en horario de martes a sábado, de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 18.30 h.

NOTA IMPORTANTE: Durante a Semana Santa o Museo Camilo José Cela abrirá o martes 16, o mércores 17 e o sábado 20 nos seu horario habitual.

Advertisements