A Fundación Cela, a Xunta de Galicia e o Concello de Padrón impulsan a primeira ruta arredor da obra Del Miño al Bidasoa

O pasado 21 de setembro o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, realizaron, canda un grupo de sesenta alumnos dos institutos “Camilo José Cela” e “Macías o namorado” deste concello coruñés, o percorrido inaugural da ruta “Del Miño al Bidasoa” co gallo de conmemorar o célebre libro de viaxes do Premio Nobel galego. Previamente, o alumnado participou nunha visita guiada ao renovado museo da Fundación Camilo José Cela.

Román Rodríguez explicou que con esta iniciativa “poñemos en marcha a primeira das rutas literarias relacionadas con este emblemático texto”. E concluíu afirmando que este é “un proxecto novidoso” que axudará á promoción e difusión da obra de Cela, “especialmente dos seus libros de viaxes”.

Seis escenarios de Del Miño al Bidasoa

A ruta dentro do concello padronés sinaliza seis lugares presentes na antedita obra. Nestas placas reprodúcense fragmentos que Cela empregou para describir ou referenciar cada un dos espazos. Desde a entrada en Padrón, pasando pola Taberna do Cuco, o Xardín Botánico, a Igrexa de Santiago e a Casa do escritor Nicasio Pajares, até chegar ao Cemiterio de Adina, onde precisamente repousan os restos de Cela. Neste traxecto percórrense preto de tres quilómetros por importantes escenarios biográficos e literarios do escritor galego.

Desde a Consellería de Cultura e a Fundación Pública Galega Camilo José Cela estase a traballar para que esta iniciativa poida ser extrapolada aos máis de 30 concellos galegos que aparecen no libro e que abranguen desde As Neves (Pontevedra) até Ribadeo (Lugo). Na actualidade, xa está previsto promover rutas similares na contorna de Santiago de Compostela, de Ourense, A Coruña e Ribadeo.

Pílulas dende a terceira idade

PildorasA Fundación en colaboración coas Aulas da Terceira Idade do Concello de Padrón pon en marcha o programa “Pílulas desde a terceira idade” co fin de enriquecer-la vida cultural dos maiores a través de actividades relacionadas con dúas afeccións que Camilo José Cela compartía con moitas outras persoas: a lectura e as viaxes.  Seguir lendo